Ourense Universo Literario pon en valor as letras da Cidade das Burgas

O novo programa cultural desenvólvese ata o vindeiro 3 de outubro

Cándido Pazó abría este 18 de setembro o novo ciclo Ourense Universo Literario. O programa cultural que coordina do Liceo de Ourense co apio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 chega co lema De Ourense e desde Ourense para o mundo e desenvólvese ata o vindeiro 3 de outubro. Logo da actuación de Pazó, que abordou o xeito no que as persoas emigradas de Ourense espallaron a cultura galega polo mundo, o ciclo continúa o día 25 de setembro cun recital de Emilio Rúa, que fará un percorrido pola canción de autor de Ourense. O 26 Sarabela Teatro levará a escena a obra O Secuestro da Bibliotecaria.

O día 1 de outubro, Avelino González narrará a vida e a obra de Vicente Risco no espectáculo Contando a todo Risco, e seguirao o día 2 María do Ceo co concerto Ourensanía, no que interpreta textos musicados de Carlos Casares, Celso Emilio Ferreiro, Castor Elices, Eduardo Blanco Amor, Luis González Tosar, Manuel de Dops ou X.L. Méndez Ferrín. A actriz Lucía Álvarez fecha o programa co proxecto As mulleres na poesía ourensá no que recitará poemas de autores e autoras da provincia.